PDF
Imprimir
E-mail
Usar puntuación: / 0
MaloBueno 

bandera espa   bandera inglaterra

- A Igrexa -

      O edificio medieval de Santa María a Real e Maior de Sar comezou polas capelas da cabeceira da Igrexa, inspiradas no máis puro estilo románico e que presentan, ademais, unha singular característica: a acusada inclinación dos seus elementos de suxeición. O tempo, orientado de Este a Leste, é de planta basilical, con tres naves sen cruceiro rematadas por ábsidas de planta poligonal. A Igrexa conta cunha considerábel amplitude espacial e está completamente abovedada.

      A nave principal está separada das laterais por piares con columnas que serven para soportar a presión feita pola bóveda central, ao mesmo tempo que suxeitan e sosteñen os arcos que separan as tres naves, elevadas -practicamente- á mesma altura.

      Por outro lado, tense constancia -segundo fontes documentais- da existencia no interior do templo dun coro situado enriba da porta da entrada. No mesmo sentido, sábese da existencia dun rosetón na parte superior da fachada principal que, xunto co óculo situado –e conservado no presente- sobre a Capela Maior formarían un harmónico sistema de iluminación para a nave principal. A apertura de ventás nos muros laterais completaban a correcta iluminación do templo –seguindo os patróns de funcionalidade como a busqueda dun espazo místico e retirado para a oración-. A reedificación da Igrexa no século XVIII supuxo, lamentablemente, a perda definitiva do coro e a demolición do rosetón da fachada, substituído pola actual ventá.


- A impresión del taller da Catedral de Santiago -

      Salvo o abovedamento, a concepción estilística da Igrexa de Sar, Tanto no que se refire á arquitectura como á ornamentación interior, responde aos modelos utilizados polo taller catedralicio (non debemos esquecer que o comezo da construción sitúase no segundo terzo do século XII, en tempos do Arcebispo Xelmírez)).

      No que se refire a súa decoración escultórica, deterémonos -en primeiro lugar- nos capiteis. A diversidade de tendencias e estilos que observamos púidose deber á lentitude nos traballos das obras do templo que rematarían no primeiro cuarto do século XIII, en tempos do Arcebispo Pedro Muñiz. A ornamentación da cabeceira dos capiteis -dunha maior riqueza decorativa que as naves- presenta interesantes motivos vexetais, de entrelazados e, incluso, zoomórficos, como é o caso da capela norte, que mostra capiteis con figuras de leóns. Estes son algúns exemplos da influenza do taller das Praterías, construtor do cruceiro e da porta da Catedral durante a primeira década do século XII.

      Dita subordinación artística á Catedral evoluciona conforme avanza a construción. Advírtese a impresión do naturalismo mateano e despois unha progresiva supresión dos motivos vexetais que deixan paso a un novo estilo, máis próximo ao Gótico. O estilo do Mestre Mateo é facilmente detectable no traballo do taller encargado de finalizar a Igrexa de Sar e a primeira fase da construción do Claustro.

- Os sepulcros -

      Dentro do interese artístico que, en materia escultórica, nos descobre a Igrexa de Sar, tamén lle corresponde un lugar destacado a ampla serie de laudas funerarias e sepulcros que aínda se conservan coidadosamente no seu interior. Todos eles correspóndense con diferentes personaxes, máis ou menos relevantes, pero relacionados por un ou outro modo coa historia do Priorado e -evidentemente- coa súa función orixinal como casa de retiro. Os sepulcros, todos eles con estatua xacente, presentan un maior atractivo artístico que as laudas funerarias, moito máis sobrias e cuxa única decoración se reduce a unha mera inscrición identificativa ou ao suma unha sinxela cruz.

      O sepulcro máis antigo, pegado ao muro sur do interior da Igrexa, corresponde a Bernardo II, Arcebispo de Compostela entre 1224 e 1237 quen, tras renunciar ao seu cargo, se retirou a Sar, onde morreu no ano 1240. Sobre a tumba que conten o seus restos mortais atópase una figura xacente, labrada en medio relevo e que constitúe unha das mellores pezas escultóricas composteláns de mediados do século XVIII. O seu parecido con algunhas das antigas esculturas funerarias do panteón real da Catedral de Santiago a sitúan dentro do ámbito estilístico de inicios do gótico.

      O muro norte da Igrexa de Sar conta con outros dous interesantes sepulcros. Estes correspóndese a Gómez González do Canabal, prior de Santa María de Sar entre os anos 1485 e 1505, e o seu sobriño, Jácome Álvarez, sucesor do seu tío no cargo até a ano 1536. A calidade do conxunto escultórico deste último é moi superior ao da tumba de González do Canabal, de inferior riqueza ornamental. Así, a imaxe xacente de Jácome Álvarez, de excelente acabado e gran naturalismo na execución da súa labra, está considerada como unha das mellores figuras funerarias galegas da primeira metade do século XVI.

      Ademais das valiosas manifestacións escultóricas ás que nos referimos anteriormente (ornamentación interior e estatuas funerarias) sábese da existencia dun interesante repertorio de pinturas esculturas -na súa maioría desaparecidas- que formaron parte do primitivo patrimonio da Colexiata.


- Os cinco altares primitivos de Sar -

      A Igrexa de Santa María de Sar contaba con cinco altares, configuración que se mantivo durante o século XVII, segundo a descrición documental verificada no ano 1611. Na capela maior había tres altares, o Altar Maior estaba adicado a Virxe e mostraba un retablo de imaxes pintadas sobre táboa das cales só se sabe que unha correspondía a San Paulo, polo que parece razoable pensar que estivera acompañada por outra de San Pedro. Ademais do retablo, alzábase unha escultura da Virxe María en madeira dourada e estofada así como unha custodia tamén de madeira. Para a mesa do altar foi encargado -procedente dos célebres talleres de Limonges (Francia)- un frontal románico de bronce, esmaltes e pedrería. Todas estas pezas artísticas desapareceron trala renovación do templo no século XVIII.

      A capela maior dispoñía como dicíamos- doutros dous altares máis, o da dereita adicado a Santo Agostiño e o da esquerda a San Blas, ambos representados mediante esculturas de pedra policromadas. Este conxunto se completaba cos altares situados nas capelas laterais. O da capela lateral esquerda mostraba unha táboa pintada coa escena do bautismo de Xesús por San Xoán Bautista e o da capela lateral dereita estaba presidida por un crucifixo.

      Por outro lado, as únicas pinturas que se conservan na Igrexa están situadas na capela maior, e todo parece indicar que a súa realización data do século XVI. A pesares do gran deterioro que presentan -o que dificulta a súa identificación- constitúen unha boa referencia estilística sobre a situación do arte pictórico no ambiente compostelán do seu tempo.

      Na parte central da capela, sobre a bóveda, consérvase o fragmento da Virxe da Misericordia (1546), da que tan só se pode contemplar a parte inferior da súa túnica e sobretúnica. Sen embargo, este retallo -de minuciosa factura- permite imaxinar a composición orixinal da obra na que destacan as grandes dimensións da imaxe, cuxa cabeza podía alcanzar a metade da bóveda. A súa dereita pódese apreciar unha figura masculina, en actitude orante, trala que aparecen varias personaxes. É moi probábel que existira unha composición figurativa similar e, incluso simétrica, á esquerda da Virxe, pero non se conserva ningún retallo desta parte.

A labor pictórica continúa nas arcadas, a ámbolos dous lados da ventá central do ábsida. Á dereita desta atópase a figura de Santo Agostiño e á esquerda a de San Blas, cuxa disposición iconográfica coincide coa dos tres altares da capela maior, descrita anteriormente.

- A herencia barroca en Sar -

      Eses cinco altares non foron renovados, a pesares do seu mal estado, ate finais do primeiro terzo do século XVII, debido -loxicamente- ao período de decadencia que estaba a vivir a comunidade de Sar, sen recursos económicos e coas súas instalacións ao borde da ruína. A colaboración e axuda doutras institucións monásticas permitirá á comunidade de Sar encargar, no ano 1730, o novo retablo maior da Igrexa ao escultor e entallador santiagués Miguel de Romai.

      Era a época do esplendor barroco, cuxa espectacularidade non foi allea á Colexiata de Santa María de Sar. As grandes celebracións relixiosas do momento requirían elementos de acorde coa magnificencia e ostentación das celebracións barrocas. Cálices, cruces procesionais, incensarios, ostensorios, relicarios, placas de maiordomia das confrarías, … son algunhas das magníficas obras feitas por algún dos máis recoñecidos ourives composteláns durante os séculos XVII e XVIII, coma Xosé Novoa ou Francisco Turreira, xunto con outros creadores das escolas de prateiros de Toledo ou Córdoba. En consonancia con devandita suntuosidade -e como axustado complemento apropiado para os rituais sagrados da época- están os ornamentos litúrxicos como as capas, casullas ou os panos de ombros, todos eles elaborados en refinadas telas de sedas bordadas con fíos de ouro e prata.


- A inclinación de Sar: singularidade e atractivo -

      A acusada inclinación dos piares interiores da Igrexa de Santa María a Real de Sar, elementos vitais para a correcta suxeición da estrutura deste tempo, é unha das características máis singulares desta construción románica e que chega a ser, ao mesmo tempo, un dos seus principais atractivos.

      Neste sentido, foron varias teorías que se verteron ao longo dos anos sobre este fenómeno, cuxo orixe non se debe a unha única causa. Todo parece indicar que a coincidencia de diferentes factores relacionados ou ben con algunhas deficiencias na construción ou ben coa natureza pantanosa do terreo no que está emprazado o edificio -moi próximo ao Río Sar- son algúns dos motivos máis razoables para explicar devandita cuestión.

      Neste sentido, por exemplo, cobra credibilidade como un dos orixes da inclinación da construción -pouco previsora- das naves laterais da Igrexa a unha altura moi similar á da nave central, o que diminuíu a función de contrarresto que estas exercen para soster a presión da bóveda central e que sumado, como sinalábamos anteriormente, á pouca solidez do terreo contribuíu, sen dúbida, á perda do equilibrio do templo.