PDF
Imprimir
E-mail
Usar puntuación: / 1
MaloBueno 

bandera espa  bandera inglaterra

- As beiras do Río Sar -

      O conxunto arquitectónico de Santa María de Sar, exemplo singular da arte románica, está emprazada nas proximidades do centro histórico de Santiago de Compostela, nunha área de profunda tradición: o barrio do Sar. Dito barrio está atravesado polo río Sar -ao cal debe o seu nome e cuxas beiras foron cantadas pola poetisa Rosalía de Castro- e sobre o cal podemos admirar unha fermosa ponte medieval. Esta ponte románica de tres arcos servía de entrada a Compostela aos peregrinos que chegaban polo camiño do Sueste, a Vía da Prata.

- A historia de Sar a través dos testemuños -

      A pesar de que, ao comezo, a construción do Mosteiro de Sar tiña unha función fundamental: servir como casa de retiro para os cóengos regulares gobernados pola regra de Santo Agostiño, , cabe salientar que a súa participación na promoción da Ruta Xacobea e a súa dedicación hospitalaria foron moi significativas na historia das peregrinacións a Compostela. A presenza dos Agostiños ao longo do Camiño de Santiago é facilmente constatable dende Roncesvalles até a cidade de Compostela.

      A comunidade de Sar constituíu, ademais, un sólido soporte para outras fundacións situadas no entorno do Camiño Francés, coma Santa María de Loio, na localidade luguesa de Portomarín. Neste sentido, é bastante elocuente a activa colaboración dalgúns cóengos agostiños que promoveron, en 1170, a fundación da Orde de Santiago.

- Munio Afonso: a iniciativa -

      A fundación do Mosteiro de Sar está estreitamente vinculada á figura de Munio Alonso, antigo membro do Cabido da Catedral de Santiago, fiel colaborador do Bispo Diego Xelmírez e coautor, xunto co Bispo Hugo de Oporto e Giraldo de Beauvais, da Historia Compostelá. No 1112, Xelmírez o propón como Bispo de Mondoñedo, cargo que desenvolveu durante vinte e dous anos sorteando numerosas dificultades e ao que renuncia voluntariamente en 1134.

      Tras abandonar a sede mindoniense regresa a Santiago cun obxectivo: a fundación dun pequeno mosteiro rexido por unha comunidade de agostiños para cuxa construción adquiriu un terreo nas aforas da cidade –nas inmediacións do río Sar-. A súa morte, o 26 de Xuño de 1136, impediulle ver cumprido o seu desexo; sen embargo, antes de morrer, encomenda ao seu gran amigo e xa Arcebispo, Diego Xelmírez, a realización do seu ansiado proxecto.

- Diego Xelmírez: o impulsor -

      Xelmírez, quen por aquel entonces mantiña excepcionais relacións coa influinte abadía beneditina de Cluny (Borgoña, Francia), interésase igualmente polas novas tendencias espirituais de Occidente, como é o caso dos cóengos regulares de Santo Agostiño. Coa fundación no ano 1130 do Convento agostiño de Santacruz de Coimbra (Portugal) iniciase unha corrente de expansión de comunidades agostiñas cara o norte do río Miño. A zona de Sar elixida por Munio Afonso móstrase como un escenario idóneo para a creación dunha congregación de cóengos rexida por esta Regra. Coa súa constitución, ademais, podía cumprir o último desexo do seu leal colaborador.

      O 1 de setembro de 1136 fírmase o diploma fundacional (un documentos históricos conservados máis valiosos do legado cultural de Santa María de Sar), que será firmado polo Rei Afonso VII o 20 de xullo de 1137. Isto supón a constitución da primeira comunidade agostiña de Galicia, que se suma, deste modo, ás novidosas e reformadoras correntes espirituais europeas.

      Coa firme decisión de instaurar con éxito a fundación, Xelmírez fomenta as relacións entre os cóengos regulares e a sede compostelá, comprometéndose a manter os cargos e privilexios de aqueles cóengos da catedral de Santiago que decidiron trasladarse a vivir á comunidade agostiña de Sar. O papel do primeiro Arcebispo compostelán foi, en definitiva, determinante para a creación deste novo priorado.

- Influenzas -

      A construción do edificio medieval de Santa María de Sar comezou polas capelas da cabeceira da Igrexa, cuxas obras se iniciaron durante o segundo terzo do século XII baixo a influenza directa do taller das construcións da catedral de Santiago. O Arcebispo Diego Xelmírez a consagrou antes da súa morte (1140) cando aínda faltaba moito tempo para a súa conclusión, que -con toda probabilidade- se sitúa nos primeiros anos do século XIII. A referencia estilística en Sar ao Mestre Mateo (creador do célebre Pórtico da Gloria da Basílica compostelá) será unha constante nos anos posteriores. Deste xeito, o taller compostelán que se encargou da finalización da Igrexa e da construción do Claustro e das dependencias monásticas, nas últimas décadas do século XII e principios do século XIII, evidenciaba unha clara influenza mateana.

- Doazóns -

      O respaldo da Coroa mediante a concesión de doazóns, exencións e privilexios á comunidade agostiña foi un denominador común ao longo de toda a Idade Media, feito que queda recollido na documentación medieval de Sar, así como en outros documentos de carácter xurisdicional, administrativo e hospitalario. Estas contribucións reais e outras máis modestas aportaron os medios precisos para facer fronte á construción do Mosteiro de Sar, e foron unha constante incluso despois de rematadas as obras. A doazón realizada por Fernando II en 1378, que exime a comunidade de Sar de pagar o imposto rexio “el yantar del rey” foi, sucesivamente, confirmada por Henrique III, Xoán II e Henrique IV.

      Outras das contribucións ao engrandecemento de Sar foron as incorporacións de diferentes cenobios rurais que, dende finais do século XIV, foron promovidas por algúns Arcebispos de Santiago. Así, en 1390, prodúxose a anexión de Santo Estevo de Anós -Cabana, A Coruña- por orde do Arcebispo Xoán García Manrique. Con posterioridade, no ano 1405, á comunidade de Sar vánselle unir os cóengos regulares de Santo Tomé de Nemeño –Bergantiños, A Coruña- por decisión do Arcebispo Lope de Mendoza, e os de San Xoán da Coba –Pico Sacro, Santiago de Compostela-.

- O declive -

      Nin as progresivas anexións nin o feito de que este Priorado fose elixido como lugar de retiro para relevantes personalidades lograron impedir o paulatino declive de Sar, que comeza no século XVI coincidindo co mandato de Jácome Álvarez (1505-1536), prior comendatorio e Arcebispo de Tarso, que foi soterrado na propia Igrexa de Santa María de Sar. Foi durante este período cando o priorado se converte en Colexiata. A este debilitamento da institución vaise unir, posteriormente, no ano 1548, a substitución dos cóengos de Santo Agostiño por clero secular, feito que debilita a posición influinte que posuía a comunidade agostiña.

      Esta sucesión de feitos relacionada co funcionamento interno e a proxección sociolóxica de Sar coincide, de forma agravante, co comezo do deterioro da Igrexa do Mosteiro, no segundo terzo do século XVII, que se estende de forma progresiva, e moi rapidamente, ao Claustro e as dependencias monásticas.

      A finais do século XVII e durante o primeiro terzo do século XVIII a vista a Sar dos arquitectos composteláns máis prestixiosos da época é unha constante. Os seus reiterados informes sobre a necesidade dunha urxente intervención, principalmente na Igrexa, son continuos, pero a precariedade económica da comunidade impide a toma de medidas urxentes adecuadas. A aportación económica dalgunhas institucións, como o Mosteiro de Santo Martiño Pinario, entre outras, serían vitais para a recuperación definitiva, no ano 1732, desta xoia do románico galego.

- O esplendor barroco -

      Durante o século XVIII a Colexiata de Santa María a Real e Maior de Sar dispón dunha situación económica máis saneada e recupera unha notable vitalidade artística e cultural. O esplendor cerimonial sacro que caracteriza a liturxia católica da cultura barroca acerca ao Mosteiro a obra dos mellores ourives composteláns do momento. Deste xeito, os vasos sagrados do templo, a cruz parroquial, os relicarios e incensarios e outros elementos distintivos do ritual relixioso son de exquisita factura e dunha gran calidade artística. O mesmo ocorre cos ornamentos litúrxicos elaborados sobre ricas telas bordadas con fíos de ouro e prata. Todo elo forma parte da valiosa colección de ourivaría sacra e ornamentos -custodiada na actualidade no museo de Sar- que da mostra da grandiosidade do Barroco na cidade de Compostela.

      Fiel reflexo do rexurdimento económico, cultural e social deste centro é o feito de que o seu último prior, Pedro de Acuña y Malvar (1791), clérigo dunha gran formación intelectual, chegando a ostentar o cargo de Deán da Catedral e, incluso, a participar na vida política española do memento, ao ser nomeado en 1792 Ministro de Graza e Xustiza polo Rei Carlos IV. No século XIX, e mediante o Concordato de 1581 entre o Estado español e a Santa Sede, a Colexiata, de novo nunha fase de certa decadencia, convértese nunha parroquia máis da Arquidiocese de Santiago e o seu edificio e declarado, en 1895, Patrimonio Nacional.

- Sar na actualidade -

      A historia máis recente da Parroquia de Sar é protagonizada polos propios fregueses, cuxo talante participativo a converteu en promotora fundamental das distintas actividades socioculturais levadas a cabo ao longo das últimas décadas neste comunidade veciñal. A súa encomiable labor para a dinamización do barrio de Sar, no cal ten un significativo papel a figura do seu párroco, fixo posíbel a creación de distintos grupos de traballo de carácter artístico e social. Entre os exemplos que evidencian o permanente apoio e prestación de servizos a favor da comunidade figura a creación, nas antigas dependencias da Colexiata, dun Colexio infantil e dunha gardería xa desaparecidas, o espazo desta última o ocupa, na actualidade, o museo. Nesta mesma liña, debemos destacar, tamén, a creación da Agrupación Folclórica Colexiata de Sar, que pon de manifesto o interese da parroquia na difusión da música e do baile tradicionais galegos e que foi recoñecida con diversos premios de carácter nacional e internacional por outras comunidades do exterior de Galicia.

      No ano 2000, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo (entre os seus cometidos atópase a xestión dos plans de conservación do patrimonio histórico vinculado á cultura xacobea da comunidade autónoma galega), promove a creación dun proxecto de renovación do Museo de Arte Sacro da Colexiata de Santa María a Real de Sar cuxo obxectivo fundamental é a posta en valor e difusión do rico patrimonio histórico e artístico deste espazo, un patrimonio intimamente ligado á historia da cidade e da peregrinación xacobea.

      Con esta finalidade, procédese a rehabilitación dun espazo abandonado adxacente ao Claustro do Mosteiro, e moi deteriorado pola acción do tempo. A remodelación da estancia, duns cento vinte metros cadrados, inclúe, ademais, a realización dun plan museolóxico, a adecuación do sistema de iluminación, a creación de expositores e vitrinas, así coma o deseño dun novo recorrido que facilite a comprensión dos contidos expostos. Esta mellora substancial das instalacións garante, en definitiva, a protección do legado cultural da Colexiata do Sar á vez que simboliza o xusto recoñecemento o seu incuestionábel valor artístico e o seu indiscutíbel protagonismo histórico.