PDF
Imprimir
E-mail
Usar puntuación: / 0
MaloBueno 

bandera espa  bandera inglaterra

- Sala 3 -

      A terceira sala do Museo mostra unha magnífica selección de pezas que corresponden á vida parroquial entre os séculos XVII e XIX, coincidindo co declive do priorado e a subseguinte constitución como Colexiata e, finalmente, como parroquia de Santiago.

      A colección de ourivaría e ornamentos litúrxicos das épocas Barroca e Neoclásica que neste espazo serven para explicar o protagonismo da Igrexa como principal promotora do rexurdimento artístico do Barroco galego, ben a través dos cabidos catedralicios, as comunidades monásticas ou o propio pobo -por medio, fundamentalmente, das confrarías- .

      Durante este período (1650-1750) increméntase a organización de actos relixiosos, o que propicia a creación dun gran número de obras relacionadas coas celebracións litúrxicas. Como consecuencia desta fecunda actividade xorde unha gran diversidade de pezas de variada tipoloxía sacra. Algunhas delas, para uso cerimonial tales coma cálices, patenas, copóns, vinagreiras, etc.; outras para realzar as cerimonias como os ostensorios, arquetas eucarísticas ou incensarios, entre outros.

      Ademais durante o século XVIII experiméntase un aumento considerábel de pezas de carácter procesional relacionadas cos actos conmemorativos organizados por gremios e confrarías para honrar aos seus patróns. Entre elas atópanse as cruces procesionais ou as placas de mordomía (emblemas que representan as distintas confrarías de cada parroquia).

      Os cálices, por ser elementos claves na liturxia católica, conforman o grupo máis nutrido. O Museo exhibe nesta sala cinco cálices barrocos, entre os que destacan o agasallado a Colexiata polo Arcebispo Yermo y Santibáñez no ano 1731, unha peza da escola toledana (mediados do século XVIII), así coma o levado a cabo, en 1799, polo prestixioso ourive compostelán Xosé de Novoa. Deste mesmo autor podemos contemplar un magnífico ostensorio que data de 1801, en prata sobredourada que, xunto co relicario de San Pedro -realizado por unha escola de prateiros cordobesa-, poñen o acento neoclásico da sala.

      As procesións convertéronse, tamén, durante o Barroco nun acto conmemorativo moi habitual. Debido a isto, a cruz procesional de cada parroquia é, xunto cos cálices, outra das pezas máis frecuentes da ourivaría barroca e a xoia máis importante do tesouro da freguesía. A cruz procesional de Sar foi realizada en 1758 por un dos prateiros composteláns máis importantes do momento, Francisco Turreira. Esta espléndida peza destaca, fundamentalmente, pola súa riqueza ornamental e o seu xogo cromático, un extraordinario traballo que tende -estilisticamente- as formas e o espírito do arte rococó.

      As placas de mordomía son outro dos símbolos de maior utilización nas celebracións procesionais que contan cunha presenza significativa dentro desta colección. Entre as cinco placas que exhibe a mostra destaca a pertencente á Confraría do Santísimo da Colexiata de Sar realizada, no século XVIII, en prata sobredourada.

      Como complemento deses obxectos de ourivaría sacra, o Museo exhibe unha exquisita selección de vestimentas litúrxicas, situada no medio da sala e dentro dunha urna de cristal cunha visibilidade integral que nos permite observar con detalles a súa impecable confección. Capas pluviais, casullas, dalmáticas, … vestimentas do século XVIII feitas en raso e seda bordadas con fíos de ouro e prata.

      Pechando este espazo e ao carón da saída, podemos admirar –novamente- unha capa pluvial do século XVIII de similares características ás anteriores e que completa a colección de vestimentas litúrxicas. Igualmente, despiden devandita sección dous crucifixos de madeira policromada feitos, no século XVIII, por Xosé Ferreiro.