PDF
Imprimir
E-mail
Usar puntuación: / 0
MaloBueno 

bandera espa   bandera inglaterra

- O Claustro -

      Todo parece indicar que o taller compostelán encargado de rematar a construción da Igrexa foi,a súa vez, o responsable do levantamento das obras do Claustro e das dependencias monásticas, traballos que se levaron a cabo durante a primeira metade do século XVIII. Deste primitivo claustro medieval, arredor do cal se organizaba a casa dos cóengos, tan só se conservan nove das arcadas da súa ala norte que discorren paralelas ao muro sur da Igrexa. O resto do claustro desapareceu trala construción actual, no século XVIII.

      Na realización da sección románica do claustro percíbese unha clara evolución estilística, e consecuentemente cronolóxica, cuxa variación apréciase a medida que a construción avanza dende o lado este cara o leste, no que xa se entrevé a introdución dunha estética máis próxima ao gótico.

      Os vínculos estilísticos entre o claustro medieval da Catedral de Santiago e o de Santa María de Sar son tan estreitos que animan a pensar que algún dos artífices estaría relacionado co taller do Mestre Mateo, cuxa pegada é máis notoria nos primeiros tramos da arcada.

      A galería norte mostra a alternancia de dous ritmos na disposición das arcadas, que se organizan ou ben intercalando un piar entre cada dous arcos ou ben iuxtapoñéndose os dos arcos sen piar ente eles. Se comparamos ámbalas fases, podemos observar algunhas diferenzas arquitectónicas e ornamentais. Así, na primeira parte, de maior riqueza decorativa que a segunda, destaca a abundancia de adornos con motivos vexetais e naturalistas nos seus capiteis, cimacios e arcos.

      Os últimos tramos do corredor sofren unha suave evolución estilística, coincidindo co cambio de ritmo arquitectónico, que se constata na progresiva estilización da súa decoración vexetal, a moderación na profundidade dos labrados, a redución ornamental e a simplificación dos seus elementos arquitectónicos (capiteis,cimacios, arcos, etc). A inicial vinculación mateana do claustro deriva nun claro goticismo propiciado polo carácter protogótico que impregna a obra do taller do Mestre Mateo así como pola data da súa finalización, mediados do século XVIII, sendo o Arcebispo de Santiago Xoán Arias (1238-1266).

      No centro do patio do claustro álzase unha fonte cuxa cunca data do século XIII. Está construída nun bloque de granito e decorada con gallóns. A súa configuración evoca á que ocupa o mesmo lugar no claustro da Catedral de Santiago e que, segundo tódolos indicios, precedería da que existía na desaparecida fachada do Paraíso (actual Azibechería).

      Ao longo das cruxías do claustro organízanse diversas pezas relacionadas coa función orixinal deste espazo como lugar de soterramento. Este é o caso das laudas sepulcrais e dos sarcófagos, que datan dos séculos XII-XIV. Pegado ao muro sur da Igrexa atópase o sepulcro do cóengo compostelán Bernardo Arias que, falecido no ano 1291, presenta unha figura xacente de notable factura na que destaca o coidado labrado das súas ricas roupas.

      No seguinte tramo podemos observar un segundo sarcófago -tamén con estatua xacente-, do ano 1368, que con toda seguridade pertence a un dos priores de Sar, pero cuxa identidade se descoñece. As formas da figura, aínda sendo máis rudas e xeométricas cas do anterior, gardan unha gran similitude no modo de representala imaxe. Así, por exemplo, ambos sosteñen no peito un libro pechado e as súas cabezas descansan sobre unha sinxela almofada. Finalmente, unha ampla serie de laudas sepulcrais contemplan esta colección funeraria.

      Xunto con estas pezas comparte espazo una selección de elementos arquitectónicos de gran interese artístico e cultural pertencentes ao antigo edificio medieval de Sar. Entre eles cabe resaltar o fragmento do rosetón da fachada principal da igrexa, así coma diversos capiteis, cinacios e doelas do século XIII.